Comeza a nova andaina!

logo orixinal de bioxeo.com

Bioxeo.com naceo froito dun Seminario Permanente de formación do profesorado hai máis de vinte anos. Por aquel entón estivo hospedado en Geocities, un famoso servidor de balde que permitía aloxar páxinas e sitios web de xeito máis ou menos doado. Logo converteuse nun dominio de seu desde os servidores de dinahosting.com, onde aínda continúa.

Durante un tempo foi medrando a base de recomendar, semanalmente sitios na Intenet con recursos educativos en liña para a aprendizaxe de Bioloxía e de Xeoloxía. Tamén foi incorporando recursos propios. Inaugurou esta categoría a que pensamos que foi a primeira tradución en liña do traballo de Watson e Crick (Nature, abril de 1953) sobre a estrutura do ADN. Logo, destacaron as versións en castelán e galego da impresionante WebQuest ‘HelloDolly’ de Keith Nuthal, ou as da Tareonomía (Taskonomy) de Bernie Dodge a cargo de Nuria Abalde, nun momento de gran crecemento a nivel mundial da metodoloxía ideada polo propio Dodge na Universidade de San Diego alá polo 1995.

Atestiguan o que supuxo bioxeo.com as citas bibliográficas que aínda hoxe se poden atopar de xeito doado na rede.

Manter unha web é un traballo duro. Precisa de atención e supón unha aprendizaxe continua a nivel de contidos e de coñecementos técnicos relacionados co deseño de páxinas, a xestión do sitio e unha chea de cousas ben diversas. Non é doado e, sobre todo, leva moooito tempo.
Como consecuencia, pasou a ser unha web de profesor baseada na plataforma Moodle, desde a versión 1.3. No momento de escribir este artigo, a versión instalada en bioxeo.com/moodle é a 4.1. Aínda que principalmente servía de soporte ao ensino presencial e polo tanto, con contidos pechados ao público en xeral, a filosofía de servizo quedaba recollida en cursos abertos, específicamente relacionados coa introdución das TIC nos procesos de ensino-aprendizaxe e dirixidos ao profesorado de tódolos niveis educativos. Agora, estamos a iniciar unha nova época e queda moito por facer, pero xa podes atopar alí algún vello recurso comentado mais arriba, adaptado como curso de moodle e accesible como convidado.

Bioxeo comeza agora unha nova andaina. Vai custar bastante recuperar elementos que aínda hoxe podan prestar servizo. Aínda máis crear novos obxectos dixitais. Paseniño, trataremos de continuar coa labor de achegar recursos de interese no ensino aprendizaxe da Bioloxía, da Xeoloxía e das Tecnoloxías da Aprendizaxe e o Coñecemento.

Carlos de Paz
Creador e webmaster de bioxeo.com